Transparencia
Este portal de transparencia ofrece á cidadanía información sobre a actividade de Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, S.A., S.M.E. Inclúe datos, entre outros, de xestión económica e financeira, resultados de calidade acadados na prestación do servizo postal universal e información corporativa e organizativa.
Así mesmo, poñemos á súa disposición diferentes canles de acceso, a través das cales pode realizar a súa solicitude de información pública.
Esperamos que este portal sexa de utilidade para toda a cidadanía.
Información normativa
Referencia á normativa que determina o réxime xurídico e natureza, así como a que regula a actividade, as contratacións de subministracións, bens e servizos e a que determina o bo goberno e transparencia a seguir na xestión.
A Sociedad Anónima Estatal Correos y Telégrafos, S.A., S.M.E constituíuse o 19 de xuño de 2001, dando cumprimento ao disposto no artigo 58 da Lei 14/2000, de 29 de decembro, de Medidas fiscais, administrativas e da orde social.
O acordo do Consello de Ministros de 16 de marzo de 2012, polo que se aproba o Plan de reestruturación e racionalización do sector público empresarial e fundacional estatal, que se fixo público mediante a Orde HAP/583/2012, de 20 de marzo, estableceu, entre outras medidas, o cambio de titularidade de Correos, coa consecuente incorporación da totalidade das accións a favor de SEPI.
Correos é unha sociedade mercantil que se rexe polo ordenamento xurídico privado, agás nas materias que lle sexa de aplicación a normativa orzamentaria, contable, de control financeiro e de contratación, na súa condición de sociedade integrante do sector público empresarial, consonte ao disposto no artigo 3 da Lei 47/2003, de 26 de novembro, Xeral Orzamentaria, en coordinación co artigo 166 da Lei 33/2003, de 3 de novembro, de Patrimonio das Administracións Públicas.
Respecto á contratación, o marco normativo está constituído por:
– Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.
– Real Decreto-Lei 3/2020, de 4 de febreiro, de medidas urxentes polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español diversas directivas da Unión Europea no eido da contratación pública en determinados sectores; de seguros privados; de plans e fondos de pensións; do ámbito tributario e de litixios fiscais.
– As instrucións internas de contratación da Sociedade. Ditas instrucións atópanse a disposición de todos os interesados no perfil do contratante en www.correos.com.
Correos é o operador designado por lei para prestar o servizo postal universal en España, de acordo cos requisitos de calidade, regularidade e accesibilidade que fan efectivo o dereito de todos os cidadáns ás comunicacións postais, nun mercado que foi liberado completamente o 1 de xaneiro de 2011, conforme á Lei 43/2010, de 30 de decembro, do Servizo Postal Universal, dos Dereitos dos Usuarios e do Mercado Postal.
Esta Lei desenvólvese polo Real Decreto 437/2024, de 30 de abril, polo que se aproba o Regulamento dos servizos postais.
Do mesmo modo, Correos, en calidade de transportista habilitado, oferta un extenso abano de opcións de paquetería, estando sometido á Lei 16/1987, de 30 de xullo, de Ordenación dos Transportes Terrestres e á Lei 15/2009 Reguladora do Contrato de Transporte Terrestre de Mercadorías.
A Lei 19/2013, de 9 de decembro, de transparencia, acceso á información e bo goberno dispón que todas as empresas do sector público deben publicar de forma periódica e actualizada a información cuxo coñecemento sexa relevante para garantir a transparencia relacionada co funcionamento e control da súa actividade pública.
O Programa de Cumprimento Normativo ten como obxectivo establecer os principios e pautas que deben rexer o desenvolvemento das actividades e as relacións comerciais das sociedades do Grupo Correos, tanto a nivel interno, no que se refire ás propias sociedades que forman o Grupo -empregados, directivos e administradores, que no exercicio das súas funcións actúen en nome de cada unha delas-, como a nivel externo, no mercado e co resto de competidores.
O Consello de Administración de Correos, na súa sesión celebrada o 22 de xullo de 2021, aprobou o vixente Programa de Prevención de Riscos Penais, que inclúe o Código Xeral de Conduta do Grupo Correos. Os documentos que conteñen o Programa de Prevención de Riscos Penais, ratificados por cada unha das empresas do Grupo, reflicten os valores de referencia na súa forma de traballar e conteñen os principios xerais que rexen a súa actuación, de obrigado cumprimento para todos os empregados do Grupo.
Así mesmo, o Consello de Administración, na súa sesión de 27 de abril de 2022, aprobou a Política de Control e Xestión de Riscos corporativos do Grupo Correos, que inclúe o risco de cumprimento normativo e penal. A política establece un Sistema de Control e Xestión, baseado en principios e directrices para asegurar razoablemente a sistemática identificación, análises, xestión e control dos riscos que poidan afectar á consecución dos obxectivos establecidos, mediante unha adecuada asignación de responsabilidades e a actualización periódica do sistema polo Comité de Riscos de Correos.
Os documentos, dispoñibles na páxina web e na intranet corporativas, son revisados periodicamente co fin de incorporar todos os cambios que sexan precisos para responder aos novos requirimentos internos e externos.
Para o Grupo Correos, a integridade e a eficiencia profesional son elementos esenciais de actuación para xerar vínculos de confianza e relacións máis sólidas cos clientes, os empregados e a sociedade en xeral.
O Grupo Correos estableceu o Sistema interno de información consonte aos requisitos establecidos na Lei 2/2023, de 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción. A estes efectos, e de acordo coa normativa indicada, o Sistema Interno de Información de Correos está integrado pola Política do Sistema Interno de Información, o Procedemento de Xestión de Informacións, a Canle Ética e o Responsable do Sistema Interno de Información, que é o Comité de Cumprimento. Nas intranet e páxinas web corporativas das empresas do Grupo Correos hai unha ligazón denominada «Canle Ética» que permite dá acceso a unha plataforma que conta con medidas técnicas axeitadas para garantir a confidencialidade e a seguridade da información, así como o anonimato cando se opte por esta modalidade de comunicación.
Os seus datos de carácter persoal serán tratados por Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, S.A., S.M.E” (de aquí en adiante, «Correos»), con CIF CIF A-83052407 co obxectivo de poder tramitar a súa solicitude ou denuncia e, tra-lo seu estudo, darlle a resposta máis pertinente. A estes efectos, non está previsto que se comuniquen os datos a terceiros, agás a outras sociedades do Grupo Correos cando a súa solicitude ou denuncia afecte a algunha delas. Así mesmo, finalizado o trámite serán bloqueados e, posteriormente, borrados unha vez teña prescrito o prazo das accións que puidesen derivar. Pode exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ao tratamento ou portabilidade mediante un escrito dirixido á Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, achegando o seu DNI ao seguinte enderezo C/ Conde de Peñalver, 19, 28006, Madrid ou a través do correo electrónico derechos.protecciondatos.correos@correos.com. Tamén pode poñerse en contacto co noso delegado de protección de datos no seguinte correo electrónico dpdgrupocorreos@correos.com ou interpoñer unha reclamación ante a AEPD. Pode consultar a nosa Política de Protección de Datos.
Información organizativa
O Grupo Correos está formado pola Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e as empresas filiais: